Na biblioteca podedes atopar estas obras de Neira Vilas. A mellor homenaxe é lelo!!
O libro conta as desventuras dun neno da Galicia interior nos anos 40.
Non é unha obra autobiografica, con todo parte dunha época e un escenario concretos e é un retrato realista dos sentimentos e situacións nas que se atopaba un neno naqueles anos. Mostra a pobreza e a división en estamentos da sociedade que se intensificaba en paisaxes rurais. É unha das obras fundamentais da literatura galega.
Lelo vén sendo aquel amigo de Balbino (o das Memorias dun neno labrego), o
que con el xuntaba herbas para o fumazo da noite de San Xoán, o que o salvou de
morrer afogado no río, o que soñaba con ser músico, ou mariñeiro ou aviador.
Ruliño é un neno pobre de aldea. No seu
proceso de coñecemento do mundo, asistimos con el á súa primeira romaxe, ao
descubrimento dun niño de rula, á maxia de verse retratado nun papel brillante
ou á fascinación do mundo exótico do circo. Todo son camiños novos por
descubrir e neles inexorablemente vai crecendo, porque lle naceu un irmán
pequeno que ten que coidar aínda que lle limita as posibilidades de xogo.
Ademais, asiste por primeira vez ao universo ata entón alleo da escola.
Sara, unha mestra rural, recorda a Tomás, o seu
amor de adolescencia, que marchou para o Brasil con dezanove anos e nunca máis
soubo del. Nos días de agosto, sen a compaña dos nenos da escola, dóese da súa
soidade e evoca o tempo ido. Son os anos da guerrilla antifranquista, do contrabando
do wólfram.
Naqueles anos do Moncho, Moncho enfróntase a unha vida difícil cando estala
a Guerra Civil. A súa inocente mirada ve como algúns dos seus veciños se
esconden ou desaparecen, e como veñen despois militares preguntando por eles,
por "os vermellos". A Guerra cambiará a Moncho ata o punto de facelo
madurar moi rápido... e empezará a entender moitas das cousas que están a pasar
ao seu arredor.
Relatos breves escritos
coa plasticidade e o lirismo maxistral que sempre ofrece Neira Vilas. Vinte
contos que amosan unha mestura de desengano, humor e piedade, escritos nun
galego rico e expresivo, plástico e rítmico, dunha grande enxebreza sintáctica.
No fondo, vinte poemas en prosa debidos á pluma dunha das figuras máis
destacadas da narrativa galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario