A biblioteca debe ser o espazo de referencia para a lectura, a información e as aprendizaxes, en beneficio de toda a comunidade educativa.

viernes, 12 de febrero de 2016

Día de Rosalía de Castro 2016

O 24 de febreiro, celébrase o Día de Rosalía, co gallo da conmemoración do nacemento da poetisa (nesta ocasión cúmprense 179 anos). 

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convida "á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo."

Este ano a súa proposta para ESO e Bacharelato é realizar un "envío masivo e simultáneo dun verso de Rosalía desde os terminais móbiles do alumnado e do profesorado dos centros, baixo a etiqueta #mobilizarosalía. O verso, do poema IV de Cantares gallegos (parte da estrofa 13) é o seguinte:

Trocando en sonrisas / queixiñas e choros

Que se enviaría través das redes sociais, en calquera das súas múltiples aplicacións e formatos, acompañado dunha imaxe alusiva a Rosalía. Esta acción pode realizarse, con autorización previa da dirección do centro e supervisión das/os docentes, durante un período concreto de clase ou no período de recreo."

O noso centro súmase a esta iniciativa e proximamente informarémosvos como a levaremos a cabo.

viernes, 29 de enero de 2016

Día da Ilustración en Galicia, 30 de xaneiro

Coincidindo co nacemento de Castelao, celébrase en Galicia, o día da ilustración.




Desde a biblioteca queremos propoñervos a lectura do libro: El país de las nieblas de Carlos Fidalgo e ilustrado polo profesor de debuxo Juan José Albares Arias

martes, 1 de diciembre de 2015

Suxestións de outono

Esta semana recibiredes o boletín informativo coas suxestións de lectura para este outono.


Podedes descargalo aquí.


ou velo aquí:







domingo, 29 de noviembre de 2015

Homenaxeando a Neira Vilas


Na biblioteca podedes atopar estas obras de Neira Vilas. A mellor homenaxe é lelo!!

O libro conta as desventuras dun neno da Galicia interior nos anos 40.
Non é unha obra autobiografica, con todo parte dunha época e un escenario concretos e é un retrato realista dos sentimentos e situacións nas que se atopaba un neno naqueles anos. Mostra a pobreza e a división en estamentos da sociedade que se intensificaba en paisaxes rurais. É unha das obras fundamentais da literatura galega.


Lelo vén sendo aquel amigo de Balbino (o das Memorias dun neno labrego), o que con el xuntaba herbas para o fumazo da noite de San Xoán, o que o salvou de morrer afogado no río, o que soñaba con ser músico, ou mariñeiro ou aviador.
Ruliño é un neno pobre de aldea. No seu proceso de coñecemento do mundo, asistimos con el á súa primeira romaxe, ao descubrimento dun niño de rula, á maxia de verse retratado nun papel brillante ou á fascinación do mundo exótico do circo. Todo son camiños novos por descubrir e neles inexorablemente vai crecendo, porque lle naceu un irmán pequeno que ten que coidar aínda que lle limita as posibilidades de xogo. Ademais, asiste por primeira vez ao universo ata entón alleo da escola.






Sara, unha mestra rural, recorda a Tomás, o seu amor de adolescencia, que marchou para o Brasil con dezanove anos e nunca máis soubo del. Nos días de agosto, sen a compaña dos nenos da escola, dóese da súa soidade e evoca o tempo ido. Son os anos da guerrilla antifranquista, do contrabando do wólfram.





Naqueles anos do Moncho, Moncho enfróntase a unha vida difícil cando estala a Guerra Civil. A súa inocente mirada ve como algúns dos seus veciños se esconden ou desaparecen, e como veñen despois militares preguntando por eles, por "os vermellos". A Guerra cambiará a Moncho ata o punto de facelo madurar moi rápido... e empezará a entender moitas das cousas que están a pasar ao seu arredor.





Relatos breves escritos coa plasticidade e o lirismo maxistral que sempre ofrece Neira Vilas. Vinte contos que amosan unha mestura de desengano, humor e piedade, escritos nun galego rico e expresivo, plástico e rítmico, dunha grande enxebreza sintáctica. No fondo, vinte poemas en prosa debidos á pluma dunha das figuras máis destacadas da narrativa galega.



viernes, 27 de noviembre de 2015

Xosé Neira Vilas



O autor de Memorias dun neno labrego, o primeiro "best-seller" galego, morreu hoxe na súa casa de Gres - Vila de Cruces (Pontevedra).

O autor de "Memorias dun neno labrego" mantiña unha carreira literaria aínda en activo, e o seu próximo proxecto era a estrea da adaptación teatral de "Querido Tomás", prevista para o próximo 8 de xaneiro en Santiago de Compostela.






sábado, 21 de noviembre de 2015

25 de novembro

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller


Dende a biblioteca recomendámosche:


Resumo do libro:

Cando aceptou saír con aquel mozo, Marta non sabía que poñía un pé no inferno, e que a partir de entón sería tan doloroso penetrar como tratar de escapar de alí. Esta novela de Pasqual Alapont, escrita ao xeito dun thriller, con psicópata incluído, pon os pelos de pé. Esta é a historia de Marta, unha moza que se enamorou da persoa equivocada; pero tamén é a historia dunha amizade a proba de bombas que cativa pola súa tenrura. O libro complétase con A máscara do amor, un texto no que o psicólogo e criminalista Vicente Garrido analiza os comportamentos de risco que calquera persoa moza debería ter en conta para evitar caer no inferno do maltrato físico ou psicolóxico.