A biblioteca debe ser o espazo de referencia para a lectura, a información e as aprendizaxes, en beneficio de toda a comunidade educativa.

viernes, 24 de octubre de 2025

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2025

Cada ano desde 1997 celébrase o Día das Bibliotecas para conmemorar o incendio da biblioteca de Saraxevo en 1992, durante a Guerra dos Balcáns. O obxectivo deste día é concienciar a sociedade sobre a importancia das bibliotecas como lugar de encontro e acceso libre á cultura e á educación.

O lema deste ano "Contra a desinformación: bibliotecas" pretende destacar o papel fundamental que desempeñan todas as tipoloxías de bibliotecas na loita contra a desinformación.

As bibliotecas combaten a desinformación a través dos seus recursos, como son as coleccións de libros e prensa ou as bases de datos e son un dique de contención contra a desinformación.

 

As bibliotecas escolares galegas son unha ferramenta ao servizo da comunidade educativa ofrecendo recursos, información e apoio,  lugares que contribúen á formación dunha cidadanía crítica, activa e comprometida. 

Este ano conmemoramos este día coa creación dun cartel propio a cargo do alumno  J. V. d. A.  coa creación e lectura dunha composición literaria sobre a importancia da lectura a cargo do alumno I.C.R e coa interpretación musical dunha peza instrumental por parte do alumno C.A.M.



domingo, 12 de octubre de 2025

                        CURSO 2025-2026 

As bibliotecas escolares de Galicia este ano fan unha viaxe pola cultura e historia do deseño galego parte fundamental do patrimonio do noso país, símbolo de identidade e ferramenta ao servizo da sociedade.

O deseño que acompaña desde o inicio a comunicación escrita, que é orixe de tipografías, logotipos e páxinas, que consegue achegar a información da maneira máis impactante ou máis sutil. O deseño gráfico que atopamos desde a orixe dos tempos da escrita e que hoxe en día se espalla a través de aplicativos dixitais. Unha oportunidade para crear desde as bibliotecas do hoxe e do futuro, tecendo desde a nosa propia historia, coas referencias imprescidibles das editoriais Nós ou Castrelos, do Laboratorio de Formas e Ediciós do Castro… e de mestres do cartelismo como Xosé Vizoso. Propoñemos mirar os libros desde a súa orixe, coñecer o proceso da edición, da composición, da escolla de tipos, papeis, cubertas e encadernacións, da revisión da maqueta e da difusión… e coñecer as persoas que forman parte dese mundo da edición e do deseño gráfico. Deseño gráfico que tamén trascende do mundo do libro e está presente na publicidade, a prensa, as etiquetas, as marcas corporativas… e en tantos outros ámbitos da nosa vida cotiá.  

         

Desde a Biblioteca acompañaremos no tránsito entre a idea e a materialidade para formar parte do relato co noso propio cartaz.